Presentación

Entre o 2 e o 4 de maio de 2024 celebraremos en Santiago de Compostela o I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias «Sostendo emocións nas Emerxencias», organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Neste congreso pioneiro dentro da Psicoloxía de Emerxencias no conxunto do Estado, daranse cita profesionais deste ámbito para expoñer coñecementos e compartir experiencias sobre diversos aspectos da atención psicolóxica nas situacións de emerxencia. Durante tres días abordaremos a importancia da intervención psicolóxica en emerxencias para axudar ás persoas e ás comunidades a facer fronte e integrar o impacto dunha situación crítica nas súas vidas, promovendo a súa resiliencia.

Tamén é esencial considerar o coidado dos/as intervenientes en situacións de emerxencia tanto dos propios profesionais da psicoloxía como doutros corpos de intervención, xa sexan policías, bombeir@s, Protección Civil ou o persoal sanitario.

A pesar de ser un ámbito de intervención relativamente recente, xa que ten os seus inicios en 1970, a Psicoloxía de Emerxencias está presente hoxe en día en situacións críticas como o terrorismo, a violencia de xénero, os accidentes con múltiples vítimas, os suicidios, os accidentes de tráfico e laborais, os naufraxios, as desaparicións, os desastres naturais e outras temáticas, nas que se afondará con novas achegas dos/as distintos profesionais.

Desde o Comité Organizador, animámosvos a participar activamente a través do intercambio de coñecementos e experiencias. Convidámosvos a compartir os vosos mellores proxectos, situacións de intervención, modelos de traballo e a vosa actividade investigadora, ben sexa en formato de comunicación oral, audiovisual ou póster.

 

O Congreso terá lugar en dúas sedes: 

  • Pazo de Fonseca (Reitorado da USC – Rúa do Franco s/n), a mañá do venres 3 de maio. 
  • Facultade de Psicoloxía da USC (Rúa Xose María Suárez Núñez, S/N), xoves 2, tarde do venres 3 e sábado 4 de maio. 

As persoas que asistan  ao congreso terán oportunidade de combinar o presente da Psicoloxía de Emerxencias c­­oa historia milenaria de Santiago de Compostela.

 

Congreso recoñecido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia
Nº de expediente: SA301A 2024/3-1

En proceso de trámite da concesión de acreditación de actividades presenciais de formación continuada do Sistema Nacional de Saúde.

PARA INSCRICIÓNS, CONTACTA COA SECRETARÍA TÉCNICA EN 981 534 049 / congresopsicoloxiaemerxencias@copgalicia.gal