Programa
2 de Maio
3 de Maio
Presentación de traballos
Os traballos poderán presentarse en calquera dos idiomas oficiais do Congreso (galego e castelán). Poderanse enviar propostas para presentación de comunicación oral, audiovisual e póster a través do correo electrónico: congresopsicoloxiaemerxencias@copgalicia.gal ata o 15 de marzo de 2024. Deberase indicar se se desexa optar a premio.
Entregarase un certificado de presentación de comunicación oral, audiovisual ou escrita (póster) só aos traballos expostos, con tantas copias como autores e autoras figuren nelas (ata un máximo de tres autores ou autoras).
Aínda que se tentará atender as solicitudes das persoas participantes, o Comité Científico poderá propoñer aos autores e autoras un cambio de modalidade na presentación das comunicacións por motivos de organización do Congreso.
Temática
Aceptaranse traballos centrados nalgún aspecto relacionado coa Psicoloxía de Emerxencias aplicada en calquera contexto e que aborden aspectos de interese a xuízo do Comité Científico do Congreso. Poderanse tratar investigacións orixinais, estudos de casos, deseño ou validación de instrumentos de avaliación, proxectos de intervención psicolóxica, exposición de modelos teóricos ou traballos de revisión.
Modalidades
Comunicación oral: O tempo permitido para unha comunicación oral será entre 10-15 minutos (dependendo do número de comunicacións que integren en cada sesión). Os resumos individuais aceptados para a súa presentación oral poderán ser agrupados polo Comité Científico en simposios conformando grupos temáticos. A presentación da comunicación levarase a cabo por un só autor ou autora.
Comunicación escrita (Póster): Os pósteres permanecerán expostos en formato físico no espazo designado e durante o tempo que determine a organización do Congreso. É necesario que algún dos autores ou autoras permanezan dispoñibles en diferentes momentos para explicar o seu traballo ás persoas interesadas. O póster terá unha dimensión máxima de 90 x 120 cm (formato vertical). Os autores e autoras poderán achegar durante o Congreso copias impresas en formato A4 para a súa distribución.
Comunicación audiovisual: O tempo de duración da comunicación audiovisual será entre 3 e 5 minutos e serán expostas de forma continuada nunha das salas do Congreso.
Os autores e autoras asumirán a responsabilidade sobre a correcta gravación e envío dos vídeos de presentación das súas comunicacións. Na gravación deberá aparecer en pantalla un só autor ou autora e primar os textos breves e o material gráfico que ilustre os procesos e resultados do traballo realizado polas persoas autoras.
Os vídeos de presentación das comunicacións deberán realizarse a pantalla completa e orientación horizontal, situando na esquina superior dereita a xanela na que se mostre ao autor ou autora. O formato deberá ser mp4 e calidade 1920 x 1080 (HD).
Unha vez realizada a gravación e obtido o arquivo de vídeo cos parámetros indicados, este deberá ser subido a unha plataforma ou repositorio na nube configurando os seus permisos para permitir a súa visualización por outros usuarios e usuarias. Unha vez resoltos estes pasos, obterase a URL que deberá ser incluída no formulario de entrega, dispoñible na web do Congreso.
Normas de presentación
Os resumos tanto para comunicacións orais, audiovisuais, e escritas (pósteres), remitiranse a través do correo electrónico: congresopsicoloxiaemerxencias@copgalicia.gal. Deberan ter unha extensión de entre 250 e 300 palabras, debendo facer constar ata un máximo de cinco palabras-chave.
Deberán incluír información relativa á introdución, obxectivos, método, resultados e discusión/conclusións. Non se poderán inserir táboas nin figuras no resumo. Para presentar un traballo é requisito imprescindible que cando menos un ou unha das persoas autoras estea inscrita no Congreso.
Se un traballo non é aceptado, poderase solicitar a devolución do 100% das taxas de inscrición.
Ningún autor ou autora poderá figurar en máis de 3 traballos nin ser máis de tres persoas autoras por traballo.
Premios
Poderase optar a premio na modalidade de presentación en formato de comunicación oral, audiovisual e escrita (póster). O Comité Científico do Congreso seleccionará os mellores traballos de cada modalidade en función da súa calidade, orixinalidade e riqueza expositiva e dará a coñecer os traballos gañadores no transcurso do Congreso. Establécese un premio de 250 euros para cada modalidade e a organización do Congreso estenderá un diploma acreditativo. Os premios poderán declararse desertos.